Ninguén que vivira en Ourense podería pensar tal cousa
A xuíza Pilar de Lara está a investigar a 24 dirixentes do PP de Ourense e relaciónaos coa trama Pokemon. Esta noticia deixou consternada a unha provincia que acostuma a votar ao Partido Popular con ratios por riba do 50%.
A Deputación de Ourense é unha das institución máis transparentes e o lugar onde aproban as oposicións as persoas máis preparadas. Xa dixera Fraga que os fillos dos políticos do PP eran os máis listos e estaban moi ben preparados e por iso era lóxico que aprobaran todas as oposicións ás que se presentasen.
Por iso resulta tan rechamante que o PP de Ourense estea agora enfangado na Pokemon. Quen ía sospeitar que un partido presidido polo fillo do anterior cacique e que á vez herdou a deputación onde ten de secretario ao fillo do cacique da provincia veciña puidera verse en tales circunstancias? Non é crible que o partido do presidente que andaba con maletíns e billetes de 500 euros no peto puidera ter unha caixa B xa que todo o mundo sabía que Baltar sempre repartiu os cartos que gañaba el co ‘sudor de su frente’ e que xamais deu unha subvención a dedo.
E atrévense a enfangar tamén no caso ao Toñito de Allariz. E que non lles valeu xa faltarlle faltarlle ao honor e que tivera que devolver esas dietas de desprazamento supostamente defraudadas?
Todo o caso Pokemon apesta a manipulación incluso a prensa enfangou con anterioridade a estes notables servidores públicos co tema das depuradoras. A Deputación de Ourense é a punta de lanza do I+D galego e, a través das súas actuacións, sentáronse as bases que posibilitaron a invención da depuradora que non depura e, como sobran cartos, pois se poden devolver as subvencións que daban para construílas porque xa non son necesarios.
As malas linguas xa dicían que Pilar de Lara era socialista e iso explicaría o intento tocar á familia de Alberto Núñez Feijoo, o adalid da austeridade e audad xestor de recursos públicos. É imposible que a corrupción poida darse na familia de quen ten amigos narcotraficantes ou conseguidores, pois son xente de boa reputación e ben preparados. Que unha prima do presidente é moita prima! Cal será o próximo dislate? Investigar as adxudicacións da Xunta a empresa que preside a irmá de Feijoo? Estes advenedizos da xudicatura viron moitas películas da mafia hollywoodiense e se cren Elliot Ness e Ourense non é Chicago nin Sicilia. Ourense é un sitio decente e aí temos o exemplo da Limia, onde un alcalde inxustamente condenado por corrupción foi rehabilitado polos seus veciños que o volveron poñer de alcalde amosando unha predisposición á reinserción tal que non ten parangón nin en Suecia.
Por iso da xudicatura non hai que crer nadiña e, do que nos conten algúns medios, menos. Aínda que neste caso metan a Telemiño para disimular. Que en Ourense todos sabemos que o grupo La Región non ten nada que ver con Baltar.
O mellor que vexo dende o disco de Baltar Pai → http://chuza.gal/equipa/index.php?page=comic