O Partido Popular podería pagar a cláusula de rescisión da nacionalista, que ascende a cifra de 3 millóns de euros.

María Teresa Barge, actual alcaldesa da Bola
O Partido Popular de Ourense, que preside Xosé Manuel Baltar Jr., tería formalizado xa a oferta tanto á formación nacionalista como á alcaldesa da Bola, María Teresa Barge.
Como xa fixera na anterior campaña, na que o Partido Popular se fixo cos servicios do alcalde do BNG en Rairiz de Veiga, Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio, co que lograrían unha importante maioría absoluta no feudo nacionalista, desta volta o Partido Popular buscaría en A Bola un importante número de concelleiros que axudasen a renovar o seu mandato provincial.
Fontes de Tempos Galegos afirman que o Partido Popular estaría disposto a pagar a cláusula de rescisión de María Teresa, en aras de aumentar a súa representatividade dentro do Partido Xudicial de Celanova, dentro da provincia de Ourense e así asegurarse revalidar a presidencia na Deputación de Ourense. Pola súa banda o BNG vería con bos ollos esta operación pola cal se embolsaría uns tres millóns de euros, máis incentivos no caso de que a alcaldesa revalidase o título. Un montante económico que viría moi ben ao partido nacionalista para poder reducir así a débeda bancaria que ronda os catro millóns de euros aproximadamente.
A falta de pechar os flecos da operación todo apunta a que o fichaxe se produciría de cara as vindeiras municipais, nas cales o Partido Popular se xoga parte do seu peso na provincia.
En canto a María Teresa, e a falta de confirmación oficial da oferta, o Partido Popular ofreceríalle tapar o burato no concello, o cal lle viría realmente ben para comezar a súa nova andaina, iso si, sempre e cando se cumpran os obxectivos, que pasan pola alcaldía da aldea ourensá.
Outra opción que barallaría Baltar Jr, sería a incorporación de alguén de certa relevancia mediática. Baltar Blanco afirmaba ao respecto que “os contactos para traer a Cristiano van por bo camiño, nós queremolo a el e el quere os cartos” pero ao parecer Ronaldo preferíra unha concellería na zona do Xurés, onde é propietario dunha vivenda.
“A planificación do Partido Popular de cara a próxima tempada vai vento en popa e en canto se confirmen os primeiros fichaxes, non vai haber quen nos tosa” explicaba Baltar Jr.