O encarnizamento da loita polo liderazgo do PSOE provoca a intervención das Nacións Unidas.
As primarias á secretaría xeral do partido socialista están a incrementar o nivel de virulencia e guerra sucia entre as faccións en conflito.
Fontes próximas á candidatura de Pedro Sánchez xa anunciaron problemas co censo na formación onde as novas altas e as actualizacións de cota están a ter problemas. Segundo denuncian a xestora socialistas non está a cumprir as súas funcións e está a poñer problemas aos novos militantes que son inscritos como simpatizantes para evitar que teñan dereito ao voto.
Ante esta escalada de tensións en Ferraz a ONU xa avanzou que vai enviar observadores internacionais para vixiar a xornada electoral das primarias. Así, segundo confirman fontes próximas ás Nacións Unidas, poderían formar parte do elenco de observadores o ex presidente dos Estados Unidos Jimmy Carter xunto cos ex-presidentes Felipe González e José María Aznar que nunca se perden unha loita contra o socialismo sexa en Venezuela ou, polo visto, no PSOE.
A ONU tamén anunciou que enviará algúns cascos azuis a algunhas zonas de conflito para evitar que os problemas políticos poidan converterse en conflitos bélicos e que, xunto cos observadores internacionais dos que se fala no parágrafo anterior, conformarán o operativo despregado durante as primarias do PSOE.