Desde a dirección nacional de CxG afirman despois do sucedido en Ourense que “Isto está chupado”.
Despois da lección de participación e democracia exercida durante o pasado fin de semana na cidade de Ourense, Compromiso por Galicia vén de anunciar que presentará candidatos en todas as primarias das “mareas” que se celebren polo país.

Este sábado e domingo, durante o transcurso das primarias da candidatura cidadá Ourense en Común, CxG fixo unha demostración de músculo político mobilizando a case 500 persoas para que se achegaran a votar ao seu candidato á alcaldía de Ourense, Xosé Mosquera. Fontes próximas a Ourense en Común incluso chegaban a afirmar que ademais de músculo político, algún tamén se sacou o pene.
Os autocarros e autocares que pasearon a fin de semana pola cidade das burgas chamaban a atención de todo canta persoa reparaba nelas. Mentres que nas vilas de Maceda e Vilar de Santos a xente, a pouca que quedaba, extrañábase de que “non houbera nin un alma polas rúas”.
Desde a dirección nacional de CxG, o seu secretario xeral, Xoán Bascuas, posicionábase claramente a favor de presentar candidatos en todas as candidaturas cidadás que realicen procesos de primarias abertas. Os galeguistas incluso barallarían a realización dun cronograma electoral de primarias, e poñer a total disposición deste unha caravana itinerante para realizar as votacións pertinentes e que se chamará #PrimariasOnTOUR.

Pola súa banda o presidente da deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar Jr., quixo parabenizar aos galeguistas, e recordou a gran amizade que seu pai, Xosé Luís Baltar, e Xosé Luís Cuíña matiñan, e como seu fillo Rafael Cuíña, agora membro da dirección nacional de CxG, algo tiña que ter aprendido.
En canto aos independentes cidadáns participantes no proceso de Ourense en Común e que se quedaron a 20 votos carretados do gañador, expuxeron en rolda de prensa a súa intención de seguir practicando para mellorar e ter un gran resultado nas próximas municipais do mes de maio.
