O consello editorial da CRTVG prevé lanzar unha campaña para tapar as novas sobre os novos recortes da Xunta e do goberno central
Traballadoras e traballadores da TVG alertan de que a dirección da canle trata de contrarrestar as noticias sobre os recurtes do goberno autonómico e central mediante unha batería de noticias sobre hiperhortalizas que desvían a atención da audiencia.
“Ninguén vai falar do peche de camas nos hospitais se no mesmo telexornal sae unha nova sobre un pemento de padrón de 10 kilos ou dun cabaciño de 100”, declara un vogal do PP no CRTVG mentres xira o seu sillón e acaricia un gato exipcio. “Cando chegue o momento das cañas a xente falará deses macropementos e non dos recortes sanitarios ou da lei do aborto”, engadiu.
Reaccións dende Carnelao
Carnelao, a asociación carnívora de soberanía alimentar, xa amosou o seu rexeitamento a este tipo de nova que “veñen a impoñer o veganismo no noso país. Están a facer herbas mutantes e mentres a TVG informa sobre cogombros xigantes óbvianse as novas sobre as macrochurrascadas que se fan polo país e poño como exemplo a churrascada do diplodocus que realizou a nosa organización e da que a Telegaita non dixo nin mu”