A xuíz Pilar de Lara, deixaba constancia das dúbidas de procendencia que se lle presentaban no propio sumario do caso Pokemon.

Lingotes de ouro atopados na casa de Conde Roa.
Despois de saír á luz que os axentes da Vixilancia Aduaneira requisaran 4 lingotes de ouro na casa de Gerardo Conde Roa durante o rexistro que practicaron na mesma dentro do marco da Operación Pokemon confírmanse as sospeitas que a xuíz mantiña sobre a súa procedencia.
En total, os lingotes sumarían case 1,5 quilos e un valor de 50.000 euros.
Unha vez levantado o segredo de sumario, son numerosas as novas acerca da xa famosa operación policial que mantén en xaque á cúpula do goberno santiagués, en mans do Partido Popular, así como a alcaldes e concelleiros de todo o país.
Desta volta, é a noticia dos tres lingotes de ouro atopados na casa de Conde Roa, os que segundo se apunta nos textos recollidos pola xuíz luguesa Pilar de Lara, poderían pertencer ao Macromausoleo de Don Manuel Fraga, situado no Gaiás, na contorna da cidade de Compostela.

Imaxe de arquivo. Mausoleo de Fraga durante o seu propio enterro.
O mausoleo de Fraga, mandado construír por el mesmo, durante o seu último mandato ao fronte da Xunta de Galiza e agora bautizado como Cidade da Cultura, alberga numerosos tesouros que permanecen enterrados xunto ao que foi o presidente con máis anos de mandato á fronte do goberno galego. Cun valor calculado de construción de en torno aos 1000 millóns de euros, Fraga mandaría enterrar xunto con el e aos seus arredores lingotes de ouro e demais xoias que fora acumulando ao longo dos anos.
Deste xeito e durante o mandato de Conde Roa na cidade compostelá, a apertura da fosa na que foi enterrado o histórico dirixente popular, deixaría á luz parte do tesouro, do cal o rexidor se apropiaría sen levantar sospeitas. Dado o seu grande valor, non podería poñelos en circulación, polo que, recomendado por asesores de confianza do partido, decidiría gardalos na súa propia casa, a bo recaudo, xunto anotacións que despistasen ás forzas de seguridade en caso de atopalos, nos que figurarían como regalos para as súas fillas de seus avós.

Rolda de prensa de Conde Roa na que explicou a procedencia do ouro.
Preguntado pola procedencia destes Conde Roa argumentaba pola mañá sobre as notas atopadas, nas que presuntamente se indicaría que os lingotes pertencerían ás súas fillas, pero que carecerían de valor legal. Ao mesmo tempo que pedía “un mínimo de respecto á intimidade da súa familia” e sobre todo un “respeto para o expresidente Don Manuel, o cal non se merece pasar por estas bochornosas situacións”.
Pingback: Un magosto popular asará 10 concelleiros envoltos en papel Albal | Tempos Galegos