Feijoo anuncia a medida pouco despois de coñecerse a suspensión de pagos da histórica fábrica de cerámicas.
A medida anunciouse na habitual comparecencia do presidente despois do Consello da Xunta deste xoves. Nela Feijoo anunciou aos medios que ían tratan de salvar Sargadelos mediante un acordo cunha petroleira mexicana que construirá un flotel de porcelana nas instalacións do histórico grupo galego.
‘A construción deste flotel salvará miles de empregos e tamén a firma de porcelana que levará a Galicia polos sete mares’ dixo o presidente na rolda de prensa. Ante as preguntas dos xornalistas se era viable e seguro un flotel feito de porcelana o presidente respondeu ‘os floteles son a solución para todo’ ao que engadiu ‘se se afunde o naval: flotel, que se afunde Sargadelos: flotel’.
A continuación procedeu a presentar o prototipo de flotel. Ante as preguntas dos xornalistas sobre si era a mesma figura que tiña no seu despacho, o presidente asegurou que o seu goberno ‘non improvisa nunca e que era unha cousa moi seria que afectaba a miles de familias e que poñer iso en cuestión era atacar a Galicia, ao emprego e a Deus’. A continuación avanzou tamén que os seus asesores estaban en contacto con enxeñeiros que están a traballar na posibilidade nun flotel de manteiga para poder salvar Alimentos Lácteos.
Pingback: Feijoo anuncia a construción dun flotel de porcelana en Sargadelos