Dous hipsters rubios entraron en combustión tras ser alcanzados pola luz do obxecto.
A veciñanza de Compostela espertou hoxe entre o temor e o pánico tras comprobar que había un disco ardente no ceo que causou o desconcerto e o medo de centos de persoas.
Durante as primeiras horas do avistamennte foron numerosas as chamadas ao 112 que viu como a súa centraliña se colapsaba polas chamadas de alerta dos veciños. O colapso foi tal que Xunta viuse na obriga de triplicar as liñas telefónicas dispoñibles e o persoal de atención de emerxencias.
A medida que foi pasando o día a xente foise tranquilizando en grande medida polas palabras dos máis vellos do lugar que contaban que xa acontecera o mesmo fenómeno hai anos e desaparecera coa mesma rapidez coa que aparecera. Deste xeito foron moitos os composteláns que se atreveron a saír á rúa. Algúns deron o paseo cunha ristra de allos no pescozo e outros con algunha que outra arma de caza aínda que foron os menos.
No capítulo de sucesos indicar que dous irmáns hipster e rubios entraron en combustión despois de que, segundo testemuñas presenciais, fosen alcanzados pola luz do obxecto. Ao lugar acudiu rapidamente o persoal de emerxencias e o incidente resolveuse con queimaduras que non revisten gravidade.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, emitiu un comunicado tranquilizando á cidadanía indicando que o ceu pronto volverá ao seu clásico color gris e ‘deixará atrás esa cor azul tan villarista que nos acecha’.