Por primeira vez na historia un home é capaz de realizar dúas cousas á vez forzado pola ausencia da súa compañeira que estaba a participar na folga feminista do 8 de marzo.
Científicos de todo o mundo están a estudiar o caso de Andrés F. R., de Coristanco, que pasará a historia por ser o primeiro ser humán de sexo masculino en completar con éxito dúas tarefas á vez.
Segundo relatan testemuñas presenciais o fito produciuse cando Andrés estaba a piques de comezar a preparar o seu almorzo e o do seu fillo cando de repente este espertou e comezou a chorar aqueixado de cólicos lactantes. Cando ía chamar pola súa parella para que atendera o neno deuse conta de que esta non estaba na casa por mor da folga feminista. O home non o pensou e colleu ao neno no colo e comezou a preparar o almorzo, mentres calmaba ao neno, dáballe mimiños e lle limpaba as bágoas e os mocos.
“Aconteceu todo case sen darme conta, cando vin que estaba o almorzo preparado non mo podía crer. Como puiden ser capaz!”, indicou o afectado na rolda de prensa convocada ao efecto na que tamén indicou que se vira tan arriba que a próxima vez vai tentar tres cousas á vez. “Teño que recoñecer que cando estaba facendo as dúas cousas sonou o teléfono e non me atrevín a collelo”, comentou.
Científicos da Universidade de Santiago de Compostela xa iniciaron un estudo sobre o caso e pretenden replicalo en laboratorio en ambiente controlado. Para elo contarán con dous homes voluntarios, un casco de seguridade como os que se utilizan nas obras e instrumentos láser e de telemetría. A Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia xa indicou que colaborará economicamente co estudo.