O monumento ao traballo será eliminado da Gran Vía viguesa no vindeiro mes.
O busto de 15 metros de altura será forxado en ouro e diamantes coa imaxe de Abel de cintura cara arriba e sustituirá un dos ítems máis representativos da cidade, o monumento ao traballo.
A estatua, que representa a sete homes ben fornidos, será cortada en anaquiños para simbolizar a fin dos antigos rexidores.
Segundo fontes próximas, isto formaría parte dun elaborado plan que tería como obxetivo que as próximas xeracións de viguesas e vigueses pensen que a cidade non existía antes de que chegase o pontífice ponteareano e que implica, entre outras cuestións, o cambio de nome da cidade de Vigo e arredores a “Imperio Abelino”.
As críticas non se fixeron esperar, o busto parece ben en xeral, pero a súa localización non acaba de convencer á cidadanía. A caída dos forzudos e a destrución para sempre do arborado bulevar únese ó derrubamento do histórico chalé da Gran Vía, convertido hoxe un McDonald’s, e o desbroce das flores da rotonda de Coia, para chantar alí o famoso barco Alfageme. As voces disconformes co troco apuntan cara unha perda de identidade.
Porén, Caballero seguirá adiante co proxecto “En Vigo mando eu, eu son a democracia e a cidadanía, o poder e a vida. Eu son Vigo”. E zanxa definitivamente a polémica “hai que desfacer o que está feito para poder facer o que eu quero”.