“Non nos metamos niso da equiparación salarial das mulleres que ao final acabamos por pedir contratos para os sudamericanos” espetou o presidente.
Mariano Rajoy participou durante a pasada mañá no espazo matutino de Ondacero, “Más de uno”, con Carlos Alsina, onde o presidente do goberno deu moito do si, tal e como acostuma e tocou varios dos asuntos máis polémicos así como os máis en auxe dos últimos días.
Por unha banda Rajoy non deixou indiferente a ninguén ao referirse ás eleccións catalás como os comicios da República catalana, convertíndose así España no primeiro estado en recoñecer a Catalunya como república independente dentro do continente europeo.
Pero sen dúbida o que máis polémica ocasionou foi cando, preguntado polo condutor do programa, Carlos Alsina, acerca da súa opinión sobre a posibilidade de sancionar ás empresas que paguen menos ás mulleres polo simple feito de selo. O presidente esquivou a pregunta cun sobrio “No nos metamos en eso”, a pesar de que é a propia Constitución española no seu artigo 35 que se mete niso, ao abordar o tema da equiparación salarial e avalala constitucionalmente.
Pero a cousa non quedaría aí, pois Mariano nun momento de carrerilla dialéctica continuou, “que si ahora hablamos de equiparación de sueldosh entre hombresh y mujeresh, al final hasta nos reclamarán que los sudamericanos tengan que tener contratos para trabajar en Eshpaña”. Despois da dilapidaria frase o programa de radio velozmente foi conducido a publicidade e a volta da mesma ninguén fixo referencia ao sucedido.