O director estadounidense quedou seducido pola brétema deste lugar tras pasar uns días de vacacións na Mariña este pasado verán.
Din que non hai mal que por ben non veña e así se podería entender esta situación creada despois de que Tim Burton tivera que circular pola A-8 e vivirá nas súas propias carnes o tenebroso tramo desta autoestrada entre Abadín e Mondoñedo.
O devandito percorrido é foco de problemas dende a súa construción por mor da néboa que dificulta e en moitos casos impide a circulación. O episodio máis grave foi no 2014 cunha colisión múltiple na que perdeu a vida unha persoa e numerosas resultaron feridas. Día si, e case día tamén a brétema fai acto de presenza na zona converténdose o tramo nun túnel do terror que fai incluso que moita xente opte directamente por ir pola estrada vella para non ter que vivir esa angustia e mal trago.
Varias foron as solucións acometidas por Fomento como aumentar a sinalización e a luminosidade, colocar balizas antinéboa, cortes puntuais de circulación… Incluso se fixeron concursos públicos de ideas para dar solución ao problema e se especulaba con cubrir a zona como se dun túnel se tratase.
E velaquí que un problema de difícil solución se pode converter no escenario para a vindeira película na que traballa Tim Burton. Achegados ao cineasta comentaron que quedou abraiado este verán ao pasar por ese tramo no coche e sentir emocións que ían do pánico ao pracer e do medo á morte á satisfacción tras deixar atrás as brumas. Viuse, por así dicilo, nun escenario tétrico e fantasmagórico dos que tanto lle gustan a el.
E para máis inri, vivida a experiencia recorreu a google para documentarse sobre o lugar e atopou noticias do fatídico accidente do 2014. Recrear aquel ambiente no que a néboa o envolvía todo, sen visibilidade algunha, uns vehículos enriba doutros , coches e camións enriba deles, xente berrando desorientada e desesperada no medio da brétema… serviulle de inspiración para empezar a redactar o guión.
É probable que para o 2018 teña encamiñado o proxecto e Tim Burton faga novas visitas á Mariña para coñecer e documentarse máis sobre o “tramo negro” do Picouto e ver outras localizacións en Mondoñedo, onde xente e lugares para ambientar o filme non lle van faltar.