O presidente, que entrou en bucle co soberanismo catalán esqueceu por completo nomear as súas propostas para Galiza.
O debate sobre o Estado da Nación do día de onte discorreu con relativa normalidade ate o peche de micrófono na intervención do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. O tempo pareceu collelo desprevido e rematou antes de que puidera falar do presente e futuro do país.
Nunha intervención plagada de mencións a Catalunya e ao soberanismo, o presidente deixou de lado Galiza, para centrarse en porque a independencia é mala malísima. Feijóo explicitou unha Galiza como contraposición a Catalunya, na que non había valor para iniciar un proceso de empoderamento e secesión co estado español, querendo explicar como as galegas e galegos ao seu ver son xente de ben, mansa e que vota ao PP.
Deste xeito e tras numerosos exemplos e sen esquecer nomear a constitución, mentres se puña unha man no peito e miraba ao horizonte, remataban os minutos destinados ao presidente. O partido popular pediu unha cuestión de orde, pois os temas relativos á comunidade non foran tratados, mais foi rexeitada pola mesa.
Desde o resto de partidos da oposición, a falta de verbas do presidente sobre Galiza indica que desde logo este non é o lugar cara onde el ten posta a mirada, nin desde logo el é un presidente digno para o país.