Desde TemposGalegos recollemos en primicia mundial os 10 regalos máis agasallados en Galiza neste 2017 durante o día dos namorados.
1. Alpacadora
O agasallo máis regalado neste pasado San Valentín, as alpacadoras, concretamente as da marca John Deere, foron o regalo estrela desta temporada. E é que non hai parella que se queira que non pensase en ter nunca este fermoso e multifuncional vehículo agrario, que o mesmo te leva a túa cita máis importante como che fai unhas alpacas ben feitas con forma dun corazón tan grande como o da persoa que che fixo ese estupendo regalo.
2. Minoxidil
O crecepelo por antonomasia. Mulleres preocupadas polo coidado capilar das súas parellas fan que o Minoxidil escale á segunda praza do ranking. Ademais, coa súa variante Minoxidil Pleasure, para botar en parella como acto preliminar, axuda tanto ao crecemento do pelo nesas zonas máis depauperadas así como che da unha potencia sexual descontrolada, vas parecer unha besta á que rapar!
3. Pilas para consoladores
Os homes galegos preocupados por se son quen de dar a talla ou non no catre, claudican en mercar pilas para os “Antonciños”, “Manolos” ou “Albertiños”, os nomes máis habituais de consoladores galegos segundo GCiencia.
4. Couza para as patacas
A especia aromática de moda esta temporada, que as túas patacas non teñen couza? Pois apresurate a conseguila non vaia ser que aínda den axudas por ela.
5. Paracetamol
Con este agasallo as dores de cabeza xa non son escusa para cumplir neste 14 de Febreiro. Un ao ano non fai dano.
6. Actimel de LK
Vido a menos desde a saída ao mercado do iogur de Licor Café de Larsa, o Actimel de LK obtén un repunte neste San Valentín, posiblemente grazas ás gripes que asolagan o territorio. O LKsei inmunitas manteráte forte para afrontar as festas do Entroido que temos por diante.
7. Foto asinada por Rafa Cuíña
O político de moda e éque so hai unha cousa que mole máis que Cuíña neste momento, o poster de Cuíña como último Jedi das boinas galegas.
8. Calcetíns
A tracción que necesitabas nesta noite de xeada.
9. O mp3 cos mellores momentos do teu cuñado nesta noiteboa
Con comentarios ao pé de Albert Rivera, recorda a felicidade das pasadas festas do nadal e alédate de que aínda faltan moitos meses para que volten.
10. Suscripción anual a TemposGalegos
De balde, para que non perdas nin unha soa nova do que acontece no país.