Probamos e contámosvos as nosas opinións sobre o novo iogur de Licor Café de Larsa.
Para abrir apetito podedes ver o Unboxing elaborado pola redacción de TemposGalegos:
Este outono Larsa aposta pola innovación e lanza en exclusiva mundial o primeiro iogur de Licor Café. Nesta ocasión Larsa presentano un iogur cremoso e con reminiscencias ao sabor do café. Analizámolo en profundidade.
Con respecto a anteriores modelos temos por unha banda as melloras habituais (potencia enerxética, cremosidade, etc.), e doutra banda, ironicamente, a eliminación do propio alcol do postre. Neste pequeno iogur, Larsa foi algo máis conservadora deixando á elección do consumidor engadirlle un chorro da bebida espiritosa galega por antonomasia.
Iogur de Licor Café Larsa, especificacións técnicas:
DIMENSIÓNS FÍSICAS 70 x 50 x 70 milímetros, 125 gramos
PANTALLA X
RESOLUCIÓN X
PROCESADOR X
NÚCLEOS 1 núcleo cremoso
GRÁFICA X
RAM X
MEMORIA 0 gb(ampliable mediante microSD)
VERSIÓN SOFTWARE iLarsa 1.1.3
CONECTIVIDAD 4G, Bluetooth 4.2, WiFi a/b/c/d, NFC, ADN
CÁMARA TRASEIRA X
CÁMARA DIANTEIRA X
OUTROS Culler non incorporada
BATERÍA 0mAh (non extraíble)
PREZO 0,52€
Deseño e construción: a sedución do licor café
Larsa presentanos nesta desta volta 4 novos sabores: mazá ao forno, tarta de limón, mandarina e licor café. Nesta ocasión a empresa leiteira mantén dimensións e construción non só do iogur de Vainilla, senón doutros modelos xa coñecidos, como o de arándanos ou o de frambuesa.
Haberá a quen isto lle pareza algo máis ou menos banal, pero as cores e/ou acabados dos iogures Larsa adoitan ser bastante comentados e un punto importante na decisión de compra. Nesta ocasión incorpóranse novas cores aínda que se mantén o estilo sobrio habitual de Larsa.
Así, temos de novo os bordos en circunferencia perfecta desde plástico até parte traseira, a cal se mantén plana co logotipo e a propia tapa. Quizais o rechamante neste apartado é unha das novidades que máis deu que falar, aínda que non precisamente polo que significa a nivel de aspecto, pero o certo é os debuxos dos graos de café dan un novo aspecto ao vaso.
En canto ao sabor, as reminiscencias a café, ou máis ben a toffe, son perceptíbeis pero non ata un punto extremo como desexarían os máis cafeteiros. Do mesmo xeito a falta do toque que lle aportaría o sabor alcólico parece ser unha das grandes eivas deste modelo. Teremos que esperar a novas versións ou aun restyling para ver se arranxan esta deficiencia.
Busca este iogur se che atrae o novo, se queres diferente ou se non estás disposto a plegarte ante os iogures importados do Lidl. Non o busques se queres mazarte coma un polbo, se buscas a cafeína que te esperte nesas duras mañás de intenso traballo ou se buscas un postre salgado. E faite cunha boa culler de madeira, ben se queres desfrutar da tradición do iogur galego.