Alberto Núñez Feijóo recíbenos no seu despacho de Monte Pío. Está sentado diante da súa mesa e sobre a cabeza ten pendurado un cadro de Manuel Fraga Iribarne posando coma Atlas, espido e co mundo sobre os seus ombreiros. Arrepiado pola imaxe, decátome de que o presidente ten a mirada fixa nun libro. Parece concentrado e non se decata da miña presenza. Tuso levemente para facerme notar e o presidente, sorprendido, érguese da súa cadeira para saudar.
Alberto Núñez Feijóo: Buenas tardes, es usted el de La Gaceta?
Tempos Galegos (tentando sobrepoñerme): Non, son de Tempos Galegos, polo da entrevista…
ANF: Ahhh… Boas tardes, desculpe, estaba aquí lendo un libro que recomendou un día Beiras no Parlamento, Sempre en Galiza, pero non o entendo moi ben… E mire que me gusta a min Castelao, con eses debuxos que fai sempre, con vacas e xante pobre, son moi divertidos, pero a este non lle acabo de coller o chiste…
TG: Non se preocupe, vostede siga, que igual llo acaba pillando.
ANF: Por favor, non me trates de vostede, que eu son moi do rural. Sei apagar lumes con náuticos, que é algo moi típico da miña aldea, e ata sei porqué ás vacas sempre lles poñen nome de muller. Ti sabes porqué é?
TG: O das vacas ou o dos náuticos?
ANF: O das vacas, o das vacas…
TG (con prudencia): Porque son femias…?
ANF (pensando e poñéndose un pouco colorado): Si tamén pode ser por iso…
TG (decido proseguir para evitar un momento máis embarazoso): De todos os xeitos, prefiro seguir tratándoo de vostede, se non lle importa. Podo comezar a entrevista?
ANF: Adiante.
TG: Señor Feijóo, ven de cumprir cinco anos como presidente da Xunta, como cualificaría a súa xestión neste tempo á fronte do goberno galego?
ANF: Pois considéroa bastante boa, a pesares da crisi. Penso que grazas á austeridade, e a reducir recursos públicos e darlle os cartos ás empresas privadas, estamos creando emprego, precario, pero emprego…
TG: Pero vostede prometeu acabar co paro en 45 días cando fose presidente e hoxe hai 160.000 parados máis que cando entrou…
ANF: Pois será xente que non quere traballar, porque a xente que eu coñezo está traballando toda. Na miña familia, por exemplo, están todos colocados.
TG: E non será polo enchufismo que lle achacan ao seu partido?
ANF: Non creo, porque no meu partido agora mesmo non estou moi ben visto, por todo o tema do meu amigo Marcial, e tal. Eu penso que o da miña familia é máis ben por aquilo que escribira Rajoy, de que os fillos de boa estirpe superan aos demais.
TG: Será por iso, logo. Por certo, como está o tema de Marcial Dorado?
ANF: Pois con todo iso do xuízo por branqueo, fai tempo que non o vexo. Unha pena, porque é un tipo moi divertido. Pasabamolo moi ben, collíamos o iate e o mesmo acabábamos na Illa de Arousa que nos Pirineos. A el gustáballe moito esquiar, sempre estaba a falar da neve…
TG: Pero de verdade non sabía que era narcotraficante? Seica o sabía todo o mundo menos vostede…
ANF (pensando): Home, eu saber non o sabía, pero algo sospeitaba porque cando íamos co iate por Arousa achegábanse algunhas lanchas e lanzábannos sacos dentro… Marcial dicía que era fariña para a súa nai, que lla traían de Colombia porque era mellor para que subise o pan… Eu é que era moi inxenuo daquela e críao todo. Pero é que tamén, se nos poñemos a ser mal pensados por todo… Hai pouco estiven no domingo fareleiro en Xinzo e tamén dicían que o que tiraban era fariña… Vai ti saber…
TG: Cambiando de tema, como ve a situación política actual, con tantos casos de corrupción, por exemplo no concello de Santiago, que afecta sobre todo ao seu partido?
ANF: Pois véxoa mal, a verdade. Eu xa lle dixera a Gerardo [Conde Roa] que tivera coidado co dos impostos, que tiña que ir aos cursos de formación que impartía Luís [Bárcenas], pero el nada, prefería ir con Rogelio [Martínez] ver xogar ao Madrid, e claro, así pasou o que pasou…
TG: Quere dicir que o PP ten cursos de formación para evadir impostos?
ANF (sorprendido): Non, home… Dábaos Luís pola súa conta. E cobrábaos ben, eh… Non me estraña que tivera todos eses cartos en Suiza, o cabrón. Era así como lle chamábamos cariñosamente.
TG: Ehhh, si, pero e sobre os demais casos: Pokemon, Pato, Gürtel…
ANF: Pois que quere que lle diga, o da Pokemon non creo que nos afecte moito. Nós non nos vendemos por un reloxo ou bagatelas polo estilo. Ao mellor os do PSOE si, que no fondo son clase obreira e con calquera cousiña… Pero nós preferimos os cartos en metálico, en sobre, se pode ser…
TG: Está admitindo o financiamento ilegal e os sobresoldos aos cargos no PP?
ANF (un pouco nervioso): Eu diso non sei nada. Eu daquela non estaba no partido. E si estaba non me contaban nada. Case nin me saúdan. Son uns cabróns. Menos Luís, el era bo tipo. Axudábanos a chegar a fin de mes, que parece que non pero hai moitos gastos. Que llo digan a Guillermo [Collarte], que o pobre pasábaas putas para irse de… vacacións. Normal, veñen eses mortos de fame do BNG e de AGE, os do PSOE non tanto que xa levan moitos anos trincando, e co soldo do Parlamento viven como reis, e pensan que aos demais nos ten que chegar. Pero nós temos outras necesidades, estamos afeitos a outro nivel de vida.
TG: Polo da boa estirpe, non?
ANF: Claro, claro. Temos que manter varias casas, o chalé na praia, pagar adestradores persoais, asesores de imaxe… Pensas que o estilazo de Susi [Jesús Vázquez] sae gratis?
TG: Eu non penso nada… Pero volvendo a temas estritamente políticos, como vai o da redución de deputados no Parlamento?
ANF: Pois vai ben. Por sorte temos maioría e podemos facer o que nos peta. É o bo que ten a democracia, unha vez que tes os votos, podes facer o que che peta. Nós queremos reducir o número de deputados e aínda que todos os demais estean en contra, facémolo igual. É un gran sistema. Se tes maioría absoluta. Senón é unha merda.
TG: Vostedes aseguran que é por aforrar, pero moita xente pensa que se aforraría o mesmo reducindo, poñamos, un 20% o soldo dos deputados, e que en realidade o fan para manter a súa maioría…
ANF: A ver, parvos non somos, pero como xa che contei, o de reducir o soldo non é viable. Pídeno os perroflautas eses que temos agora no Parlamento, que viven con catro cadelas, pero a unha persoa seria non lle chega. Se ata hai un deputado que me dixeron que marchara de Erasmus, ou algo así, gañando menos cartos… Se os deputados gañasen menos, eu non me achegaría a algúns dos meus nin de broma, quitaríanme ata os empastes, se os coñecerei eu… Mellor así, que aínda disimulan un pouco…
TG: Ben, penso que é suficiente. Moitas grazas polo seu tempo señor Feijóo.
ANF: De nada, home. Vou seguir co libro a ver se trae algún debuxo e aínda me entreteño un pouco…
Pingback: Feijóo: “A democracia é unha merda”
Que montaje más malo