Anova irá con calquera ás xerais, menos co BNG


Así o confirman fontes cercanas á organización nacionalista.

BNG, Cerna e Anova facendo que están dacordo nalgo.
BNG, Cerna e Anova facendo que están dacordo nalgo.

O partido do histórico líder nacionalista Xosé Manuel Beiras podería estar a punto de firmar un acordo que encauzará meses de especulacións e negociacións por todo o país a raíz das próximas eleccións ás Cortes do Estado español.

O acordo firmado a diferentes bandas con outras organizacións políticas, onde se atoparían Podemos, IU, Equo, Espacio Ecosocialista, diferentes mareas e outros axentes político-sociais estaría baseado no desexo mutuo de non compartir candidatura con BNG, formación que pola súa banda está a intensificar os contactos para lograr outra candidatura de “unidade”.

Desde Anova aseguran que todo está aberto a estas alturas, menos para o Bloque, que está pechado, e “tiraron a chave”. A formación de Beiras explicou nas últimas semanas en diferentes comunicados aos militantes que o BNG é moi malo e que se alguén quere ir con eles que sigan os pasos de Cerna.

Por parte do BNG a nova non os colle por sorpresa, en palabras do seu secretario xeral, Xavier Vence, “Anova é un partido español residente na Galiza, polo que non nos extraña que teñan ese desprezo polo que cheire a puramente galego, así que mellor sós que mal acompañados”.

Fontes do PP preguntadas por TemposGalegos, non puideron contestar debido a un ataque de risa.

Mentres tanto desde Madrid, Pablo Iglesias mostrábase encantado coa fichaxe de Beiras para a súa candidatura, mentres que coa posíbel marcha deste a España, desde IU xa se frotan as mans pensando en que a súa voceira encabece unha hipotética lista de ruptura nas próximas eleccións autoanémicas.

One Comment Add yours

  1. Freiman's avatar Freiman di:

    Conxeturas, só iso.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.