A Xunta de Galicia xa ten un plan para os incendios do ano que vén. Un equipo de antropólogos contratado pola Xunta de Galicia, concluíu que os incendios non se deben ó verán senón ós restos de relixións pagás e de cultos ó lume que quedan no cerne da psicoloxía da cidadanía galega. Isto deberíase a unha deficiente cristianización de Galicia, nomeadamente da xente máis de monte: “Hai un dato evidente: dende que hai estatísticas, non se rexistrou ningún incendio forestal nas cidades”.
“Se non podes con eles, únete a eles”, declarou a Conselleira do Que Queda de Medio Ambiente Rural, Mariño, Aéreo, Subterráneo, etc.
Para a consellería, os incendios son un desbalde, unha oportunidade perdida xa que poden ser un foco de atracción turística de primeira orde. Combinando a tradición incendiaria ca modernidade dos drons, cada incendio pode ser reutilizado como festa gastronómica do polo á brasa, do carneiro ó espeto, de calquera carne, peixe, verza, … que se poida cociñar á brasa.
Estase estudando o deseño de drons-espeto para que cociñeiros dotados para a aeronáutica gobernen o asado dos alimentos, sexa dende terra ou dende os helicópteros antiincendios.
Isto ten consecuencias directas no entorno, xa que permitirá utilizar tantas áreas recreativas abandonadas e xacementos arqueolóxicos que non visita nin coñece nin cristo. O que terá un impacto positivo nos lugares onde se queime o monte así como facilitar a sociabilidade que sempre se dá nas grandes cuchipandas.
Outra consecuencia vai ser a internacionalizaciñon dos incendios xa que, con esta nova estratexia, Galicia asaltaría o Libro Guiness dos Récords en varios apartados tanto de gastronomía como de catástrofes.
“O importante é que falen de nós” dixo un publicista extremeño contratado pola consellería despois de que o exiliaran de Extremadura cando deseñou a campaña “Puerto Hurraco: p’a morirse” para potenciar o turismo nesa localidade.
Preguntada polo plan de actuación para cando xa non quede nada que queimar, a conselleira contestou cun lacónico “Para aquela eu xa non vou estar na Consellería”. “Supoño” engadíu.