O alcalde vigués está convencido das potencialidades do Dinosauro colocado na entrada da Praza da Princesa, en Porta do Sol.

#SelfieDinoseto será a próxima campaña do Concello de Vigo nas redes sociais.
Abel Caballero presentaba onte, na súa rolda de prensa semanal o que considera será a revolución económica da cidade e incluso da área metropolitana. O alcalde e Vigo, catedrático de economía, asegura que o Dinoseto está a atraer numerosos turistas e curiosos que buscan a foto co peculiar adorno, fomentando este unha dinamización dos comercios de hostelería da zona.
No seu primeiro fin de semana instalado na entrada superior ao casco vello vigués, calcúlase que o Dinoseto puido atraer a máis de 10mil persoas, sendo as terrazas da zona de Praza da Princesa as máis favorecidas.
Caballero explicou que no futuro a cifra de visitantes do Dinoseto crecerá exponencialmente a medida que o “animal” vaia sendo coñecido internacionalmente, buscándose acordos coas empresas de cruceiros transatlánticos que recalan en Vigo para que unha vez atracados acheguen aos seus pasaxeiros a visitar a “obra de arte”.
Do mesmo xeito o Concello de Vigo ten pensado abrir un concurso de “selfies” co seto para crear aínda máis expectación, nos próximos días abríranse as bases a exposición pública e iniciándose unha campaña en redes sociais baixo o nome #SelfieDinoseto.