O showman galego tería mantido contacto directo con Jordi Hurtado nos últimos anos.

Hurtado podería terlle pasado o seu segredo a SuperPiñeiro.
Xosé Manuel Piñeiro, o ídolo de masas e sexsymbol galego recoñecía a pasada semana saber algún que outro segredo que lle permitiu non envellecer durante os últimos anos.
Piñeiro, que se fixo famoso durante anos presentando o programa da TVG, SuperMartes, tería coñecido a Jordi Hurtado durante un congreso de presentadores nas terras do Deza, aquí terían iniciado unha gran amizade, a cal co paso do tempo permitiríalle ao presentador galego ter acceso ao segredo da inmortalidade de Hurtado.
O presentador galego que a día de hoxe dirixe o programa Bamboleo, levaría anos sen enveller, cando menos de xeito perceptíbel. Debido a isto, a rumoroloxía chegou a apuntar que se podería tratar dun robot ou un holograma, cuestións que foron desmentidas a TemposGalegos por un rapaz de Caldas de Reis que tería participado no programa e coñecido ao presentador.
Esta mesma persoa asegura que o segredo da lonxevidade e xovialidade do presentador podería estar intimamente ligado coa chapa da letra PI (π) que este leva na solapa das súas chaquetas ou americanas de xeito habitual, cousa que a día de hoxe non puido ser confirmada por ningún científico da USC.