Ante a noticia que onte saía á prensa, na que a xuíza Pilar de Lara imputaba no caso Pokemon ao alcalde de Ferrol e a Baltar pai, Alberto Nuñez Feijoo vése obrigado de novo a mover ficha.

Cartaz da convocatoria ao Casting
Deste xeito, e aínda coa resaca do caso do concello de Compostela na mente de todos, un novo escándalo sae a palestra pública para desgraza dos populares galegos.
Desta volta é o alcalde popular da cidade de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o que se terá que ver coa xustiza, así como o tenente alcalde da Coruña Julio Flores.
Por todo isto, Nuñez Feijoo anunciaba a última hora da pasada tarde que desde a executiva do PPdeG están a diseñar o casting mediante o cal escollerán a un dos Conselleiros que ocuparán o posto de rexedor da cidade ferrolá.
“Desde o primeiro momento desbotamos as primarias, iso é de hippies-perroflautas, as comunistalladas para o PSOE que se pensan que viven na URSS”, declarou.
O casting contará con diversas probas entre as que Feijoo avanzaba que habería algo de baile, como xa se fixera para escoller a Conde Roa, e unha proba escrita, na cal se deberán expoñer parentescos e coñecidos de alta alcurnia.
“A tradición da cidade de Ferrol, por ser o berce do noso Paco, exixe que sexamos críticos e arranxemos esto con dignidade pero, sobretodo, con firmeza, atopando a mellor das posibilidades”.