Logo de que a Comisión Europea dera “luz verde” ó proxecto revisado de reestruturación de NCGB, aprobouse en xunta extraordinaria convocar a case 4.000 empregados de NCGB e Banco Etcheverría para asistir a unha reunión no Coliseum da Coruña hoxe sábado 21 de xuño. A nota da convocatoria de reunión non especificaba o contido da mesma, tan só recomendaba “traer calzado cómodo e vir depilados”.
Hoxe desvelouse que o verdadeiro motivo da reunión era celebrar unha xornada de loita de gladiadores no coliseum coruñés para dirimir cales dos empregados deberán ser despedidos tras a restructuración.
As armas permitidas serán a lanza, a rede, o ghallete, o coitelo de matar os porcos, o coitelo de pelar patacas e o adival. Decidiuse que todas elas foran proporcionadas pola organización como mostra do “noso compromiso coa igualdade e a transparencia”, indicou un voceiro de NCG, debido á preocupación porque as sospeitas levaran a algún participante tivera a oportunidade de practicar e que iso puidera proporcionarlle algunha vantaxe ó loitar.
José Ramón del Pliego, representante de UGT, declaraba onte que aínda quedaba por saber «qué han aprobado del plan de negocio presentado, que entendemos que será menos esclavo que el que había hasta ahora». Hoxe, o representante sindical obtivo a súa resposta, ademais de unha invitación para loitar con un dos cinco leóns incautados do circo de Ángel Cristo especialmente traídos para a ocasión dende Torrelodones.
Por outra banda, Clodomiro Montero, da CIG, que onte confirmara que non asistiría á reunión, foi visto hoxe ás 11:30 da mañá na entrada do coliseum berrando e armado cun fouciño do Carrefour que aínda lucía a etiqueta. Ó parecer estaba reclamando unirse á loita obreira gladiadora. Fontes da organización comentaron que se está a discutir se se lle permite o acceso, debido a que o fouciño en principio é unha arma non regramentaria.
En Bruxelas aseguran que o Presidente Barroso non está enteiramente de acordo coa forma de solucionar a cuestión, pero que entende que na costa galega non hai tiburóns de abondo nin para lamber a todos os empregados de banca que os seus técnicos estiman que deberían ser despedidos ou enviados a galegas cunha baixa retribución salarial.
Pingback: Substitúen o ERE por unha loita de gladiadores entre os empregados de NGB e Etcheverría