O cacique ourensán pugnará polo Trono de Ferro na prestixiosa serie da HBO e conseguirao grazas ao reparto de postos de traballo en Desembarco do Rei.
Segundo transcendeu nas rede Baltar aparecerá na cuarta tempada de Xogo de Tronos a través dun novo reino en conflito “Ourensalia” que se fará cos 7 reinos en clara alegoría ás sete históricas provincias do reino de Galiza.
O xiro argumental da prestixiosa serie vai sorprender a moitos dos seus seguidores e, deste xeito, Baltar transformará Ourensalia nunha Deputación e procederá a contratar ao eunuco Lord Varis que lle abrirá as portas de Desembarco do Rei pero, para levar a cabo o seu plan, precisará os dragóns da Khaleesi, Daenerys Targaryen, e ofreceralle un posto de internina na Deputación para despedila unha vez que lle consiga arrebatar a súa prezada arma estratéxica. A astucia de Baltar será tal que ata conseguirá contratar a todo o exército de Inmaculados como porteiros dun centro cultural que ordenou construír no castelo.
A trama avanzará cando caia o Grande Muro de Xeo e comence a conquista dos sete reinos por parte dos zombies de xeo procedentes da estepa localizada allende o Padornelo.
As argucias políticas conducirán ao clan Stark e á Garda de Noite aos calabozos de Desembarco do Rei despois de seren acusados de pertenza a Resitencia Gallaeciense por enfrontarse aos zombies de xeo. Deste xeito Baltar e seu grupo popular de apoio conseguirán acceder ao Trono de Ferro e gobernar os sete reinos.