Roberto Carlos da Silva, foi presentado como novo xogador do Rápido de Bouzas ante multitude de medios e algúns afeccionados curiosos que non quixeron perderse o evento.

Roberto Carlos acompañado do presidente Manuel Pedro Seoane e do Director Xeral Deportivo Javier Maté.
Na súa presentación afirmou que “é o máximo” ao que pode aspirar un xogador de fútbol aos seus anos e que espera gañar algún título, polo menos municipal, co seu novo equipo.
Acompañando á nova fichaxe, o presidente Manuel Pedro Seoane Cordal encomiou as virtudes do ex do Real Madrid e do Anzhi ruso, catalogándoo como un “xogador creativo, imaxinativo e de altísima calidade”.
“Estamos ante un futbolista que cos seus 40 anos xa conquistou case tódolos títulos que un xogador pode conquistar. É un veterano e está preparado para este reto”, destacou encomiando a longa traxectoria, repleta de experiencia do xogador. O presidente desvelou así mesmo que Roberto Carlos “tiña outras ofertas”, pero sempre tivo en mente ser participe do fútbol galego.
Tralos demais reforzos do equipo ao comezo da temporada, agora chega un xogador que, ademais de adaptarse ao lateral, deberá demostrar que a súa calidade e suar a camiseta negrigualda. O futbolista tivo unhas últimas palabras onde puntuou que “quería agradecer o esforzo do presidente, o cariño da afección, da familia. Para un xogador non hai cousa máis grande que estar no Rápido. É o máximo. Espero gozar moito aquí. Facer gozar a todo o mundo no Baltasar Pujales e gañar moitos títulos para o Rápido de Bouzas, e mesmo ascender!”.
Roberto Carlos asinou un contrato de cinco tempadas co equipo vigués e xurou fidelidade ás súas novas cores. “Fun do Palmeiras, do Inter, do Madrid, despois do Fenerbache, Corinthians e do Anzhi, levo toda a vida detrás dunha bóla e agora son o máis bouzista que hai. Vouno dar todo e ninguén vai pór en dúbida o meu compromiso co Rápido”, afirmou nunha rolda de prensa tras a súa presentación. Roberto Carlos chegou ao Rápido de Bouzas despois de que aparecesen comentarios na prensa sobre a súa posibilidade retirada dos terreos de xogo pola súa outra paixón a enxeñaría aeroespacial.
O xogador brasileiro chega ao Rápido de Bouzas coa carta de liberdade, polo que o equipo costeiro non terá que pagar nada por el. En canto a ficha, non se desvelaron datos concretos do importe que cobrará o xogador, pero si se comentou que Roberto Carlos non viña a Bouzas polos cartos, senón polo marisco.
“Estou moi contento de recalar aquí. Espero achegar todo o que sei e facer cousas grandes co Rápido”, asegurou tras pousar co número 3 da súa nova camiseta.
Roberto Carlo afirmou que na súa cabeza só estivo o Rápido de Bouzas, a pesar de recibir as tentacións do Cidade de Santiago, do Coruxo ou do Negreira. “Tiña ofertas doutros equipos de Galiza, pero é imposible dicirlle que non ao Rápido de Bouzas. E engadiu: “A oferta do Rápdio de Bouzas chega cando chega e non podes deixar escapar este tren. Con 40 anos séntome preparado para estar neste clube”.
Roberto Carlos sente que se o clube fixo un esforzo tan grande é porque contan con el. “O Rápido ten unha repercusión moi grande en todo Galiza. Se me ficharon é porque cren en min. Quero gozar e facer gozar á xente”, destacou. Como obxectivo a curto prazo, Roberto Carlos desexa coñecer a cidade e o seu ambiente. A medio prazo sitúase entrenar e gañar algún partido. E a longo, mercar unha industria conserveira. “O de mercar Pescanova é unha oportunidade moi bonita, pero coido que non é o momento, se fago as cousas ben podo ter algunha oportunidade de facer cartos aquí”, comentou.
O Rápido de Bouzas pon así un broche de ouro no ano do seu centenario, fichando a un xogador recoñecido a nivel mundial e que aportará ao equipo e a súa afección grandes doses de alegría, satisfacción e bo xogo.

Logo conmemorativo dos 100 anos de existencia do Rápido de Bouzas.