Fan a matanza léndolle ao porco artigos de Eduardo Inda


Segundo trascendeu no día de onte, unha familia do concello ourensán de Beade realizou durante a ponte a matanza. Ata aquí todo resultaría normal se non fora porque un asistente publicou nas redes sociais que se lle deu morte ao animal léndolle artigos de Eduardo Inda publicados en OK Diario e tamén de Blanco Valdés publicados na Voz de Galicia.

Segundo informaron fontes próximas á familia indicaron que non era esa a súa primeira intención xa que a súa opción desexada era poñerlle ao porco “programas antiguos de El gato al agua que hai no YouTube” pero descartaron esa opción xa que “a WiFi non collía ben no baixo onde se ía facer a matanza”.

O partido PACMA xa anunciou que ía tomar medidas legais por crueldade animal pero fontes próximas á Garda Civil xa indicaron que seguramente non se tramitaría xa que non ven crueldade ningunha neses medios. “Otra cuestión sería si le pusieran La Sexta o le leyeran al cerdo artículos de Público o El Diario”, indicaron.

Fontes da familia amósanse preocupadas pola denuncia e indicaron que o porco tampouco sufriu moito xa que “Morreu despois de artigo e medio. Un de Eduardo Inda e cando íamos lendo no medio un de Blanco Valdés xa non aguantou máis e morreu”, indicaron.

 

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.