A compañía americana aposta polos traballadores cualificados na súa última oferta de traballo.
BurgerKing lanzou este luns as características que buscarán a partir de agora nas persoas que queiran traballar como repartidores na cadea de hamburgueserías.
O xigante das hamburguesas busca un perfil cualificado e con estudos superiores, preferiblemente en enxeñaría, física ou matemáticas e con interese no traballo relacionado coa teoría de cordas.
Desde o departamento comercial de BurgerKing admiten que o tamaño das súas hamburguesas aproxímase a dun quark e pretenden que con esta nova remesa de repartidores as burguers acaden a velocidade da luz. Así desde a cadea de fastfood queren acelerar as súas partículas mediante ciclomotores de 50c.c.
Tamén se informa que o salario será proporcional ao cadrado dos catetos que se presenten á selección e prefiren que entre os mesmo se absteñan os licenciados en filosofía, por ser a especialidade que máis lle da a matraca aos clientes.
Entre as características máis valoradas estarán a experiencia en videoxogos como Radikal Bikers, Crazy Taxi, Carmaggedon ou calquera da serie GTA. Os candidatos non vacinados tamén sumarán puntos ao seu favor.