Valorárase especialmente se os emojis máis empregados son caras sorrintes ou tristes.
O mediático caso de violación múltiple no que participaron cinco homes no pasado San Fermín pon no punto de mira a actuación do xuíz.
Varios colectivos de homes moi homes agrúpanse para solicitar unha sentenza exemplarizante contra a denunciante. Na súa opinión as redes sociais son cruciais neste tipo de casos: as fotos subidas, os vídeos partillados, pero sobretodo os emoticonos son determinantes para establecer se a vítima di ou non a verdade.
Neste caso particular, tres son os elementos máis sospeitosos atopados nas redes sociais da vítima: vídeos de gatiños, fotos comendo xeado e a utilización do emoji da bailarina sevillana.
Nun extenso comunicado, os colectivos, agrupados baixo a plataforma “pola unidade da masculinidade”, dinse atopar moi preocupados, pois a sentenza pode supor unha perda total de privilexios “comézase admitindo a trámite unha denuncia por violación múltiple e só deus sabe como rematamos”.