Independentistas radicais deciden atacar ás porras coas súas cabezas


Non contentos con ir a votar libremente, os radicais cataláns están a cargar contra os pacíficos policías recén saídos dun parque temático.

Durante as primeiras horas do día de hoxe estase a vivir en Catalunya o clima de crispación e violencia pronosticado polo Estado español.

Violentos radicais armados coas súas cabezas están a atacar indiscrimimadamente as porras dos axentes de seguridade dando lugar a numerosas porras manchadas de sangue e danadas.

Os axentes que se atopaban de vacacións nun cruceiro temático da Warner, non entenden estes ataques cando eles tan só se achegaban aos colexios electorais a exercer o seu libre dereito de arrebatarlles as violentas urnas á xente que se fixera con elas en días anteriores.

Tanto as porras da Garda Civil, como as da Policía Nacional estanse a ver desbordadas, xa non so polos escudos humanos de anciás e anciáns así como de nenas e nenos, senón que, tal e como indican desde o sindicato policial SUP, nalgúns lugares incluso se lle están a lanzar bebés e recén nacidos aos axentes.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.