O xurado do Libro Guinness dos Records acaba de desbancar a Bulgaria do posto nº 1 do podio de congresos a dedo e acaba de designar ao novo rei desta modalidade: O Partido Popular de Galicia.
O Congreso do PPdeG onde Alberto Núñez Feijoo acadou o 97,8% decantou aos xuíces de Guinness que encaramaron ao PP no primeiro posto do ranking de procesos teledirixidos. Corea do Norte acadou o segundo posto do ranking e baixou un posto con respecto ao ano pasado.
O embaixador de Bulgaria en España xa trasladou unha queixa formal ao Ministerio de Asuntos Exteriores xusto antes de ser chamado a consultas polo goberno do seu país.
Pola súa banda Feijoo sentíase fachendoso de ter derrotado a Corea do Norte o que, ao seu xuízo, era unha premonición con respecto a Podemos. ‘Jódete Kin Jong-un. Jódete Pablo Iglesias’, foron as palabras do presidente unha vez coñecido o resultado do congreso do PP celebrado en Ourense indicaron fontes cercanas aos organizadores do evento.
A organización do evento indicou que en futuras citas congresuais recibirán ao seu lider con mosaicos de animais e tanques de cartón pedra.