O home estaba a pasar totalmente desapercibido durante o festexo da festa de comadres na vila ourensá de Verín.

Imaxe do home disfrazado de muller.
Todo parecía transcorrer con total normalidade no día de onte en Verín, na comarca ourensá de Monterrei, cando de súpeto un balbordo chamou a atención dos viadantes no centro da vila. Segundo apuntan fontes verinenses unha muller que participaba da tradicional festa de comadres era en realidade un home con peluca e vestimenta feminina.
O home, duns corenta ano de idade tería pasado previamente por diferentes bares e cafeterías pero non fora descuberto ata entón. Foi unha muller que “ía a festa” quen se decatou, segundo ela “polos seus andares e porque non deixaba de rascarse a entreperna en público”.
O home ao ser descuberto tentou fuxir, pero unha paisana habilmente lle deu caza co seu paraugas. Nese momento hordas de mulleres rodearon ao disfrazado, que dende aquel momento non volveu a ser visto. Especúlase que puidera estar retido nalgunha taberna da zona ou agochado na casa de alguén.
Na vila non recordan algo así e fican conmocionados e consternados polo sucedido. “Se isto sucedeu hoxe, a saber cantos anos leva pasando” afirmaban veciñas de Verín.