Un can, chamado Trotski, trabou un militante comunista e transmitiulle o virus do libertarismo.
Un militante da FPG foi mordido na tarde de onte por un can. Aínda que as feridas non revisten gravidade os seus compañeiros de partido advertiron que, cando saíu de urxencias, substituíra as tradicionais consignas por soflamas libertarias. ‘Advertimos o que pasaba cando comezou a falar mal de Stalin’, comenta un compañeiro de organización.
O comité central xa está a tomar cartas no asunto e valoran mandar ao militante a un centro de formación para restituílo ao estado anterior. ‘Está ideoloxicamente mal. Fala continuamente de revolución traicionada. Non sabemos se poderá ser reeducado’, comentan.
Trotski, o can protagonista da noticia, agarda nunha canceira de Cangas a que o recolla o seu dono. Segundo transcendeu pertence a outro militante da Fronte Popular Galega e soamente hai uns meses que o ten. Segundo puido saber este medio foille agasallado nunha xornada de convivencia organizada por Esquerda Anticapitalista en Ávila a onde tería acudido como convidado para falar sobre confluencia.
Francisco Rodríguez, ex líder da UPG, valorou o incidente ‘como propio do colonialismo cipaio’ que profesa a FPG. ‘Xúntanse cos españolistas de IU e Podemos. Despois son mordidos por cans españois e aínda así non queren ver a realidade. Ademais, como isto se contaxie’, indicou, ‘non quedará sequera o único que nos une: O estalinismo’.
O dixital galego de pensamento nacionalista, Terra e Tempo, anunciou que sacará un monográfico sobre o tema.