Ademais do luxoso piso, o arcebispado de Madrid, poralle unha mercería en Madrid
O expresidente da Conferencia Episcopal española xa está máis tranquilo despois de que semanas atrás se temera polo desafiuzamento do cardenal do pazo arcebispal da madrileña rúa San Justo. A semana pasada coñeceuse que Rouco Varela ía vivir nun modesto pisito de tan so 400 metros cadrados e tan so sete habitacións. Unha adaptación difícil a un espazo tan pequeno xa que son moitos de familia e sete habitacións non chegan para nada. Como calquera traballador con salario reducido terá que adaptarse aos pedestres problemas que provoca vivir en tan so 400 metros cadrados.
Pero non é o único que vai cambiar na vida do cardenal xa que segundo transcendeu hoxe, o arcebispado facilitoulle o acceso a unha mercería para que se poida gañar a vida sen que pase miserias. A mercería, que segundo as nosas fontes está situada no centro de Madrid, xa colleitou un enorme éxito na súa inauguración e decenas de persoas chegaron a agolparse na porta para vitorear ao mediático cardenal producíndose incluso algúns incidentes porque algúns clientes non respectaban a cola.