Anuncian unha versión americana da cinta de Ignacio Vilar que contará coa presenza do actor de ‘Dous homes e medio’
A produtora da familia Estévez-Sheen negociou a compra dos dereitos da longametraxe galega e anunciou que comezarán a rodar a versión en breve.
Como non podía ser doutra forma a cinta estará protagonizada por un dos fillos de Martin Sheen, Charlie que se fixo famoso nos anos oitenta e noventa tras protagonizar ‘Platoon’ ou ‘Hot Shots’ entre outros numerosos filmes e que volveu saborear os laureis do éxito tras a súa presenza na sitcom de éxito ‘Dous homes e medio’.
A audiencia do outro lado do atlántico está expectante pola elección de Charlie Sheen para un dos papeis protagonistas xa que é moi coñecido polas súas esmorgas reais.
Segundo puido saber o noso medio a película vai ser pasada polo filtro de Hollywood e prevese que sexa unha especie de ‘Resacón nas Vegas IV’ (The Hangover) e, segundo puidemos saber, incluso se está a valorar a presenza de Bradley Cooper, do que se di que pode interpretar o papel do Castizo, e de Zach Galifianakis para o papel de Milhomes que interpretou Antonio Durán ‘Morris’ na cinta galega.
Pola súa banda a produtora non confirmou nin desmentiu nada nada e incluso chegou a insinuar que a película podía ser pasada polo filtro zombie e facer unha especie de remake da ‘Benvidos á fin do mundo’ (The world’s end) pero con zombies, tartarugas ninja e transformers.
Pode ser literalmente o papel “da sua vida”. Ótima eleição.
E quen vai facer de Onethousandmen?