A desaparición do coñecido opinador, causa confusión tanto nas redes como na vida política galega.
Filipe Díez, o que fóra un dos primeiros trolls galegos e precursor da opinoloxía política no noso país, atópase en paradoiro descoñecido desde hai meses, sen que ninguén saiba nada del nin nas redes sociais nin na vida real.
A día de hoxe a súa busca na páxina social facebook se fai inconclusa e non amosa resultados concluíntes, o seu rastrexo na rede de microblogging twitter aínda verte máis sombras e dúbidas sobre a localización do filólogo galego. Se tentamos enlazar co seu perfil @filipediez atopámonos cunha conta con tan só 3 chíos, e o que é máis desconcertante, todos eles en ruso.
Unha desaparición que está a causar unha gran confusión en todo o abano político galego, ao esfumarse o que fora o azote incansábel de toda caste de responsábel e servidor público. Tanto AGE como BNG, que lamentan a súa desaparición, pedirán ao parlamento galego unha Comisión de investigación para clarexar o caso e tentar dar coa súa persoa. Pola súa parte o PSdeG-PSOE xa anunciou que se abstería na votación. O PP ate o de agora non quixo facer declaracións.
Son moitas as especulacións que existen en torno a esta desaparición. Mentres que algúns afirman que Filipe podería ter mudado de estratexia, endurecendoa e ocultando a súa identidade baixo o perfil de Benito Troleada Galega e as súas múltiples contas, outros aseguran que todo se corresponde cunha estratexia de marketing para lanzar a súa nova web: “Renovando a Filipe”.
Desde Tempos Galegos e con ánimo de colaborar coa súa búsqueda, habilitaremos un espazo para que as persoas interesadas nos acheguen posíbeis pistas e posibilidades acerca do seu paradoiro. Do mesmo xeito, calquera información sobre Filipe será benvida nas nosas contas de Facebook e Twitter.

Unha das últimas fotos con vida de Filipe Díez.