Alcanzará a cantidade equivalente a unha dieta do senado se a viaxe é de contido sexual
Despois do escándalo das viaxes do presidente estremeño José Antonio Monago a Canarias as que se engadiu o caso do deputado do PP de Teruel, Carlos Muñoz, o goberno do estado decidiu coller o touro polos cornos para pechar o tema. Primeiro foi a demisión do deputado de Teruel que ía ver a mesma muller que Monago. “Es inexcusable que un simple senador vaya a ver a la misma mujer que visita todo un presidente extremeño”, indican fontes do partido. “Lo cesamos fulminantemente por tener delirios de grandeza”, engaden as mesmas fontes.
A segunda parte da estratexia do PP para rematar o escándalo consistirá en subvencionar as viaxes ás illas afortunadas. Dará unha cantidade por mercar un paquete vacacional e, se as vacacións contan cun aliciente sexual, pois a subvención alcanzará un valor económico equivalente a unha dieta completa do Senado. A subvención poderá pedirse ata 32 veces no mesmo ano.
Segundo as nosas fontes, o goberno incluirá estas subvencións no paquete de estímulo económico que aprobará o nas próximas semanas que incluirá unha nova reforma laboral, indultos a políticos forrados e incentivos para a deslocalización da mafia calabresa dende Italia a Marbella.