Filtracións internas do Parlament Catalán apuntan que as tensións orixinadas nos últimos días entren CiU e ERC veñen dadas por unha das liñas vermellas marcadas polo President de cara á celebración da consulta independentista.

Jordi Hurtado está ser un obstáculo de cara a consecución da independencia catalana.
Nos últimos días, e a tan só unha semana da consulta, todo podería irse ao traste se as cúpulas de ERC e CiU non son capaces de chegar a un acordo con respecto a retrasmisión de Saber y Ganar no caso de que Cataluña se independice. O programa que se emite desde hai 16 anos, en La2 e con horario de sobremesa, sería, segundo apuntan fontes confidencias, un punto de inflexión ao cal Oriol Junqueras, líder de ERC, non ten pensado renunciar.
Pese ás críticas proclamadas desde o resto de grupos que forman parte da Assemblea Nacional Catalana, que tildan de españolista a Junqueras, Oriol negaríase a ceder ao Estado Español o programa rodado en Sant Cugat del Vallès e que conduce o presentador catalán Jordi Hurtado. Condición que non sería do agrado de Artur Mas, para o cal, todo o que cheire a español lle é prescindible.
Deste xeito a consulta catalana atópase nun punto morto á espera do desbloqueo da situación por ámbalas cúpulas, que de non chegar a acordo podería acabar coa independencia catalana antes do seu comezo.
Pola súa contra ICV, aínda que admite a procedencia española do programa pese a ser rodado en Catalunya, posiciónase a favor da nacionalización do programa, iso si, desbotando a Juanjo Cardenal e introducindo unha voz en off catalana. Mentres tanto as CUP manteñen a súa proposta de modificación da papeleta de votación, para engadir así dúas novas preguntas que poidan desbloquear o conflito. Unha delas para preguntar se os cataláns prefiren gastar o cartos de Saber e Ganar en mellorar a Educación Pública (e se recoloque aos traballadores en postos similares en TV3) e unha segunda para que sexa a cidadanía quen refrende a Jordi Hurtado como patrimonio material catalán.
O presidente de RTVE, José Antonio Sánchez, así como o presidente do Goberno, declararon nas últimas horas que seguirán contando con Jordi Hurtado a pesar das masturbacións intelectuais catalanas e incluso abren a posibilidade do ofrecemento de melloras salariais e laborais, sempre e cando se quede en España e pase a chamarse Jorge.