Un equipo de investigadores canadenses acaban de confirmar o achádego dun Samsung Galaxy S5 que estaba a soñar con ovellas eléctricas durante o seu proceso de carga
Segundo transcendeu do paper que acaban de publicar en Science o novo dispositivo da empresa coreana está a superar os test de Turing de intelixencia artificial o que, ao incluír vibrador, achégao perigrosamente a un substituto humano.
A sofisticación é tal que, segundo se desprende do artigo, cando o dispositivo Android durme; entra na fase REM durante o proceso de carga. Foi nese momento cando se produciu a medición e a equipa de investigadores puido comprobar que un destes dispositivos estaba a soñar con ovellas eléctricas.
Pola súa banda, un iPhone 5S foi destruído polo mesmo equipo de investigación despois de que non soubera responder correctamente a unha pregunta sobre unha tartaruga tumbada ao sol e patas arriba no medio do deserto. Siri púxose nerviosa e tratou de matar un dos científicos facendo buscas de reggaetón de xeito continuo no YouTube.
Instantes antes de que o aparato fabricado por Apple recibira un martelazo, Siri comentou: “I’ve… seen things you people wouldn’t believe… Attack ships on fire off the shoulder of Orion. I watched c-beams glitter in the dark near the Tannhäuser Gate. All those… moments… will be lost in time, like tears… in… rain. Time… to die…”. Polo que transcendeu, a configuración rexional de idioma estaba mal configurada.