Así vén de confirmalo CIG Metal. A dous albaneis heavys de Carnota seráselle aplicado a partires de hoxe o convenio do metal debido a “fondas cuestións de arraigo interior”.

Xoán Caveira, albanel ao que se aplicou o despido improcedente.
A noticia saía onte á luz debido ao despido improcedente dun deles e a posterior denuncia por parte da central sindical galega.
“A súas fondas conviccións heavys fan que de inmediato lle sexa aplicado o convenio do metal, debido a cuestións ideolóxicas e deste xeito poida obter unha serie de prestacións que no convenio da construción desaparecerían” declaran desde a CIG.
Os diferentes sindicatos de clase parabenízanse pola consecución deste fito na historia do sindicalismo galego e afirman que promoverán máis medidas deste estilo.
Desde a patronal advírtese que este tipo de actitudes, propias de melenudos moitos deles vinculados a ETA, non teñen cabida e presentarán un recurso unha vez estudado o caso en profundidade.
Polo de agora Xoán Caveira afirma que lles desexa aos seus xefes “a morte e a destrucción” e que é unha ledicia para el poder acollerse ao convenio do “metaaaaaaaal”.