O goberno anunciará ao longo do día de hoxe o cese dun ministro por fumarse de golpe todos os brotes verdes.
Segundo puido saber este xornal este é o xeito no que os membros do goberno se referían aos cogollos de marihuana White Widow que tiña escondida o presidente nunha caixa de puros que lle regalara o tesoureiro do partido.
Fontes do gabinete indican que, nunha arroutada, o ministro cesado pechouse na sala do Consello de Ministros e dedicouse a fumar todo o material sen compartilo con ninguén máis para, momentos despois, redactar a Lei do Aborto e a de Seguridade Cidadá dunha sentada.
Aínda que o goberno valorou moi positivamente as leis presentadas a presión do resto dos membros do goberno desembocará no cese do ministro fumeta.
O gabinete de prensa da presidencia do goberno, ante o escándalo dos brotes verdes, traballa intensamente na elaboración dunha nota de prensa na que non se volverá a falar de brotes para que o goberno non sexa asociado con hippies perroflautas e pasará a usarse a locución “picos económicos positivos”.