Atopárono sentado no sofá da súa casa, diante do televisor, completamente momificado, situación que os expertos forenses achacaron a inusual cantidade de formol que contiña o seu sangue. Os policías encargados de inspeccionar o lugar tiveron que tirar a porta abaixo porque estaba totalmente obstruída por unha morea de sobres que alguén se adicara a deslizar por debaixo da porta durante anos. Os seus veciños declaran que non notaron nada raro: “Cheiraba coma sempre”.
As sospeitas de que algo raro podía estar pasando xurdiron cando non se presentou no parlamento para defender a nova lei do aborto, moi acorde co seu carácter feminoprogresista.
Antonio del Real Rivera Borbón e Borbón naceu en Aguadilla de Alcántara en 1936 pero sempre se considerou madrileño de adopción. Levaba casado coa sua noiva de toda vida máis de 50 anos, aínda que facían vida separada desde fai 25. Deixa tres fillos de 9, 4 e 3 anos.
Real Rivera Borbón foi un candidato estable do partido e membro do parlamento dende o 92, cando foi recomendado como candidato altamente cualificado. Del Real comezou a traballar con 16 anos como vicepresidente executivo na empresa do seu pai, e aínda que non acabou a EXB, porque “se aburría nas clases”, logrou ter estudios de Economía, Empresariais, Dereito, Historia de España e Numismática, cursadas nas mellores universidades privadas do país.
Os compañeiros de partido expresaron onte o seu pésame no funeral e destacaron a súa capacidade de traballo: “Sempre traballaba na casa, incluso os fins de semana”. Nunca rompeu a disciplina de voto e usaba moi pouco os coches oficiais, só en casos de extrema necesidade. Tamén era coñecido por ser un bo cidadán: “o seu chofer non ten unha sola multa de tráfico”, destacan uns coñecidos.
Co seu soldo de 5000 € de parlamentario, e grazas a súa capacidade de aforro e preocupación por non vivir por encima das súas posibilidades, logrou acumular unha pequena fortuna de 10 millóns de euros nos últimos 10 anos.
No seu banco de toda a vida destacan o seu comportamento honrado: “Movía pouco os cartos, a última operación que figura na súas contas e investir todo o seu diñeiro en preferentes no 2009. Tampouco protestou cando incorporamos a comisión de Movementos Estáticos, pola que cobrábamos un pequeno recargo de 5 euros cada vez que non se quitaba nin se ingresaba diñeiro durante dous días”.
Era enormemente apreciado polos seus veciños, que non dubidaban en darlle laranxas gratis o velo pasear polo seu barrio, e chamábamo cordialmente Don Rivera. Os seus amigos eloxian o seu carácter aberto e sociable: “Nunca o vin discutir con ninguén, e se falaba con case todos os membros do Forum Filatélico”, local que frecuentaba para xogar a brisca. “A partir de agora ímolo botar moito de menos”, concordan os seus amigos.