
Ángel Currás, alcalde de Santiago Compostela
En rolda de prensa na mañá do xoves, o alcalde de Compostela, Ángel Currás, presentaba o proxecto polo cal o Concello da capital galega comezará coas obras de construción da infraestrutura necesaria para dotar ao consistorio de dependencias xudiciais.
Segundo explica Currás, os numerosos procesos abertos contra os membros do executivo santiagués obrígano a tomar decisións valentes, entre elas, esta, que suporá un aforro importante ao erario público nos desprazamentos dos concelleiros e persoal imputado aos xulgados de Compostela.
As obras consistirán na construción e acondicionamento dunha sala xudicial con capacidade para 150 persoas e aseos independentes para imputados e traballadores xudiciais. Ademais disto contará coa última tecnoloxía audiovisual, cun circuíto de televisión pechado para os declarantes.
Currás asume que a sala xudicial se amortizará en pouco tempos posto que “as causas abertas son moitas, e as que aínda quedan por abrir”.
A Coruña e Xinzo de Limia interesados
Concellos como o de A Coruña ou Xinzo de Limia xa se puxeron en contacto co santiagués para interesarse polas obras, posto que segundo este último, Antonio Pérez, “é unha revolución para os que temos que sufrir as penurias de gobernar e acudir aos xulgados repetidamente, medidas como esta son as que nos están a sacar da crise, xa que supón un aforro para os concellos ao tempo que da traballo no sector da construcción”.
Pingback: O concello de Santiago de Compostela instalará unha sala xudicial nas súas dependencias