Lakse chegou a convertirse en Trending Topic en Twitter durante varios minutos.

O director de cine galego, Óliver Laxe, coñecido polo seu éxito internacional co filme O que arde, vén de mostrar a súa inquedanza pola incapacidade das persoas españolas en pronunciar correctamente o seu apelido.
Contrariado en cambio por seren estes capaces de dicir Shakira, Shakespeare ou plabras en inglés como show, shower ou milkshake, Óliver afirma non comprender de onde resulta este problema, e para dar cunha solución o director tentará poñerse en contacto coa cantante Shakira para ver se esta ten algún truco que ensinarlle para que en vindeiros acontecementos todas as persoas entre o Padornelo e os Pirineos poidan referirse a el como Laxe e non Lakse.
O punto de inflexión desta problemática foi na pasada gala dos premios Goya, onde, O que arde colleitou dúas estatuillas, mellor actriz revelación con Benedicta Sánchez e á mellor fotografía, que recolleu Mauro Herce. Durante toda a gala e ante o éxito da película galega non foron poucas as veces que o apelido de Óliver saiu á palestra, ata chegar a ser Trending Topic na rede social Twitter e tamén en Mastodon.