“Total p’a qué”, indicou o CEO da compañía alemá.
Daimler AG, compañía matriz da Mercedes, ven de anunciar o lanzamento do primeiro coche sen intermitentes do mundo. “Os nosos clientes era o que demandaban”, explicaron na comparecencia na que presentaron o novo modelo. “Non querían nin híbridos nin eléctricos simplemente pensan que os intermitentes sobran”, continuou.
A conferencia foi interrumplida con un eufórico “Por fin!” do público asistente. “Para que sirve un intermitente? A ti que che importa se vou para a esquerda ou para a dereita?”, gritaban encandilados.
A compañía tamén anunciou que substituirá a palanca dos indicadores por unha palanca que non fai nada pero que incluirá un emblema da Mercedes igualiño ao da parrilla dianteira. “Os nosos clientes poderán ir conducindo e sobando o emblema”, indicaron. “Coidamos que é algo moito máis útil que andar premendo un chisme para que parpadee unha luceciña”, espetaron.
Agárdase que o novo modelo sexa un superventas e a compañía xa está estudando incluír novas funcionalidades no modelo. Entre elas destaca un sensor que detecta cando un semáforo en verde para facer que o vehículo circule despaciño e que acelera a tope cando se pon laranxa. A nova funcionalidade, que está en estudo, podería incorporarse aos modelos a finais do 2019.