O pasado 22 de abril, Ana Miranda examinábase do carné de sacho nunha finca urbana da zona de Belvís, en Compostela.

Ana Miranda facendo que fai un burato.
Ataviada co seu sacho, herdado segundo fontes oficiais, de Bautista Álvarez, e pertrechada con vaqueiros e fular, como se se tratase de apagar un lume con mangueira e mocasines, Ana Miranda chegaba a horta na que debía demostrar as súas habilidades ecolóxicas-rurais.
A mala sorte cebouse en Ana que tras un primeiro traspés cunha leituga e ao ir abrir un burato para sementar unhas ceboletas, enredou fatidicamente o seu sacho no fular, o que fixo que perdese o equilibrio, ate caer de bruces. Vence e Bieito Lobeira acudiron a socorrela, pero nun acto de afouteza conseguiu erguerse por si mesma.
Mentres a examinadora tomaba notas da técnica de Ana, Xabier Vence comentaba cos medios o rural da candidatura do bloque as Europeas, “somos rurais e da cidade, ou da cidade rural, da Galiza, e a nós ninguén nos ten que dar leccións de ruralidade”.

Momentos do traspés.
Finalmente e debido ao seu traspés, Ana Miranda acabaría por suspender o exame práctico de sacho, polo que aínda lle quedaría un novo intento, xa que a proba teórica fora aprobada no primeiro intento.
Fontes de Tempos Galegos confirman que “a FRUGA redobrará os seus esforzos en sesións particulares para que isto non volva a suceder, Ana Miranda vai abrir regos coma se fose un motocultor”.