María Xosé Silvar “Sés” terá que deixar de utilizar a gheada nos seus concertos debido a unha “disfonía profesional”. Esta doenza foille diagnosticada despois dun percance durante un concerto en Malpica de Bergantiños.
Ocorreu durante a interpretación de Labregha Berghantiñana, adaptación que a cantante coruñesa fixo da famosa canción cubana, Guantanamera. Segundo o testemuño dunha das asistentes, “todo transcorría de maneira normal, discursos de media hora, arengas feministas, o público estaba entreghado ó máximo, pero nesa canción foi demasiada gheada seghida para ela, nós aquí tamos acostumadas ché”. Fontes do Concello confirmaron o suceso, e relatan que “temémonos o peor cando comezamos a escoitar palabras estranas como agora, gracias, Bergantiños, algo incomprensible para nós”.
Despois destes feitos, a artista coruñesa foi trasladada á Unidade de Voz e Otorrinolaringoloxía do CHUS, na capital galega, onde coincidiu co seu compañeiro de profesión, O Leo i Arremecághona, que deberá cambiar o seu nome artístico polo de O Leo i Arremecachis xa que o seu caso é dunha gravidade aínda maior.
Segundo o doutor Edgar Ganta, xefe de Laringoloxía do Hospital Álvaro Cuqueiro de Vigo, aumentaron o número de ingresos de artistas galegos que presentan un claro cadro de gheadite, debido ó uso excesivo que se fai no ámbito musical deste fenómeno fonético, “adoita ocorrerlle a aqueles que non fan un uso diario e responsable da gheada “, sentenza o doutor Ganta.
Ao peche desta edición, Sés confirmou que fora dada de alta e que deberá gardar repouso pola inminente presentación do seu próximo disco en Marzo, pero avisou que aínda que reducirá drasticamente o uso da gheada, “aumentareihe os -e- paragóxicos para que a xente poidae cantare e desfrutare de corazone”.